A IXP presenta a súa plataforma de dixitalización, DIXITEGA, ante os inscritos

Arredor dun centenar de persoas asistiron ás xornadas informativas sobre esta ferramenta, que durante o verán seguirá incorporando melloras, co obxectivo de  facer a súa presentación definitiva a partir de setembro. Estas charlas, organizadas en Lugo, Vilalba, A Gudiña, Becerreá e Santiago, foron unha primeira toma de contacto con Dixitega, co obxectivo de achegar aos inscritos o seu funcionamento e os diferentes datos que lles ofrecerá para a mellor toma de decisións nas súas explotacións. Ademais desta plataforma, os asistentes tamén puideron coñecer a utilidade de Contacarne e outras ferramentas dixitais de interese para o traballo diario.

Con versión web e móbil, Dixitega vai ofrecer á cadea de valor de Ternera Gallega datos de relevancia. Recollerá múltiples fontes de información nunha única plataforma para facilitar o seu acceso, desde as cotizacións dos animais de recría, dos canais e dos prezos das materias primas en diferentes lonxas de toda España ata información da propia IXP; como a mesa de prezos semanal, os animais dispoñibles por meses de vida, os nacementos e baixas de tenreiros ou os sacrificios. 

Ademais, mediante técnicas de Intelixencia Artificial, a plataforma ofrecerá predicións a 7 días da posible evolución dos prezos nos diferentes mercados, tanto de animais e canais como de cereais para a alimentación. Contará tamén cun apartado que vai recoller información sobre as normativas que afectan á IXP, posibles subvencións de interese para os inscritos ou os catálogos de sementais de Acruga. 

Contacarne

Entre os asistentes a estas charlas tamén despertou gran interese a aplicación Contacarne, desenvolvida pola Xunta para o control de custos nas ganderías deste sector. Unha ferramenta de uso sinxelo coa que os produtores e produtoras obteñen a súa conta de resultados. Para iso, deben introducir diversos datos,  como o número de traballadores e propietarios, os investimentos e débedas, calquera adquisición para a gandería, subvencións recibidas, gastos variables en alimentación, sanidade, hixiene ou seguros do gando, combustible e subministracións (luz, auga, etc). Tamén os gastos fixos: arrendamentos, man de obra, seguros para as instalacións e a maquinaria ou os gastos financeiros.