Ternera Gallega, galardoada co premio Lola Torres á gastronomía tradicional

Convocado pola Fundación Amigos de Galicia en colaboración co concello de O Grove, o xurado do Premio Nacional de Gastronomía Tradicional «Lola Torres» escolleu á IXP entre 84 propostas, nas que se atopaban outras Denominacións de orixe e restaurantes de toda España. Nesta ocasión, recoñecen un produto de calidade e, máis que ao Consello Regulador, poñen en valor o traballo dos 8.200 gandeiros e gandeiras inscritas para ofrecer aos consumidores unha carne tenra e zumarenta. 

O xurado, composto por expertos gastronómicos e da hostalaría, subliñou o impacto de Ternera Gallega como a IXP máis destacada do sector cárnico español e un referente no vacún, tanto en España como en Europa, desde o ano 1989. Tamén recoñeceu o control integral de calidade que realiza, desde a crianza dos animais ata a presentación da carne amparada nos puntos de venda. 

O galardón entregarase en abril no Centro Superior de Hostalaría, en Santiago. 

Un premio con anos de historia

O galardón Lola Torres é convocado anualmente pola Fundación Amigos de Galicia, xunto co Concello de O Grove, Turismo de Galicia e o Centro Superior de Hostalaría. Xa conta con XIX edicións en homenaxe á gastronomía tradicional, aos seus cociñeiros e cociñeiras e, tamén, ás materias primas das que se nutren. Elixen ao premiado coincidindo coa Festa do Marisco, celebrada desde 1963 no concello pontevedrés e declarada de Interese Turístico Nacional. 

A organización do premio destaca que en Galicia, durante a posguerra, eran as mulleres as que estaban á fronte dos fogóns, elevando os pratos que preparaban pese á escaseza de produtos. Tralo traballo de Emilia Pardo Bazán, Manuel María Puga ou Álvaro Cunqueiro na difusión das receitas galegas, desde metade do século XX tomaron o relevo cociñeiras como Josefina Vilas, A Viuda de Trives, Ángela Rivero, Carmen Roel, Dolores Bóveda, Loliña Besada e a propia Lola Torres. Nacida en O Grove no 1917, amosou a súa creatividade culinaria desde o restaurante Finisterre desta localidade. A título póstumo, recibiu, no 2002, o Premio Álvaro Cunqueiro en recoñecemento á súa cociña e labor gastronómico.