Mostra da carne certificada nas feiras gastronómicas Xantar e L de Lugo

Un ano máis a IXP acode a Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que celebrou a súa 25ª edición en Ourense entre o xoves e o domingo. Ternera Gallega foi a protagonista dunha demostración culinaria que viaxou, a través de diferentes pezas, desde os pratos pouco cociñados ata as receitas de prancha e guiso. Unha variedade de propostas gastronómicas que amosaron a versatilidade do produto amparado. 

Dirixiu a sesión o chef de O Sábrego Restaurante (Ribadavia), Marco Varela, que comezou elaborando un tataky de croca con vinagreta de queixo San Simón da Costa. Unha opción fresca, na que a carne só se marca polos seus lados. Seguiu na prancha cun corte menos habitual nas cociñas, a bavette, que acompañou con pastel de Pataca de Galicia. Esta preparación sinxela permite amosar ao público asistente pezas pouco coñecidas pero que alcanzan resultados culinarios á altura das máis populares. 

É o caso tamén da tapa da pa (llana), unha peza axeitada tanto para a prancha ou grella como para facer guisada. Nesta ocasión, Marco Varela optou por cociñala a baixa temperatura e servila xunto con crema de Castaña de Galicia. Para o prato final, regresou a un corte popular, o xarrete guisado, que presentou dun xeito diferente: en brioche.   

Esta mostra gastronómica da carne certificada completouse con explicacións sobre o significado do selo IXP e o tipo de ganderías e animais amparados baixo este distintivo, ademais do sistema de control da orixe e da calidade do produto. Incidiuse especialmente na importancia das etiquetas que sempre o acompañan, co obxectivo de que os asistentes saiban recoñecelas no mercado e diferenciar Ternera Gallega nos puntos de venda.

Tamén en Lugo

Este luns, a carne amparada tamén se amosou na feira L de Lugo, que acolle a distribuidores e produtores da provincia. André Arzúa, do espazo gastronómico Abella (Santiago de Compostela), ofreceu un showcooking no que empregou un redondo para elaborar un rosbif con grelos e salsa de queixo curado da DOP Arzúa Ulloa. 

Reunindo a provedores do sector hostaleiro, esta cita chega á súa cuarta edición con máis de 200 stands, poñendo en valor a calidade dos produtos galegos.