O Grupo Operativo `Rede galega de granxas modelo´ calculará os custos de produción no vacún de carne para contribuír á correcta aplicación da Lei da Cadea Alimentaria e á mellora da xestión das ganderías

O Consello Regulador únese á Fundación Juana de Vega e a Cooperativa A Carqueixa, en colaboración co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), para poñer en marcha un proxecto, de 2 anos de duración, que estudará o modelo produtivo típico no sector do vacún de carne galego. Trátase do Grupo Operativo `Rede galega de granxas modelo´, que conta cun dobre obxectivo: calcular os custos de produción para contribuír á correcta aplicación da Lei da Cadea Alimentaria e proporcionarlle información económica e financeira relevante aos gandeiros coa meta de mellorar a xestión das súas explotacións, favorecendo a súa viabilidade, sostibilidade e competitividade.

Ata setembro do 2026, o consorcio colaborará cunha vintena de granxas voluntarias para establecer este modelo de produción típico, tendo en conta variables como a tipoloxía, o tamaño ou a orientación produtiva das explotacións. A Fundación Juana de Vega destaca que o cálculo de custos de produción é básico para garantir a viabilidade económica de calquera gandería. Polo que resulta imprescindible contar cunha mostra de granxas que se asemellen ao modelo típico das existentes en Galicia, que fornezan información técnica e económica de xeito fiable e sostido no tempo.

Contexto

Un dos principais desafíos dos produtores primarios é o escaso poder de negociación dentro da cadea alimentaria, conformada por unha ampla diversidade de axentes da produción, da transformación e da distribución. Esta heteroxeneidade condiciona o funcionamento e as relacións internas entre eles, que están tamén moi influenciadas pola volatilidade dos prezos pagados aos produtores, o elevado custo dos insumos ou a inestabilidade dos mercados internacionais no contexto xeopolítico actual, entre outros factores.

En 2013 en España deuse un paso adiante coa aprobación da Lei da Cadea Alimentaria. O seu obxectivo era reducir o desequilibrio nas relacións comerciais entre os operadores, protexendo especialmente aos produtores, a parte máis débil, e evitar a venda a perdas. Pero, na maioría dos casos, os produtores primarios seguen descoñecendo unha información básica que lles resta poder de negociación nos contratos e, no caso das autoridades, capacidade de velar polo cumprimento da lei.

O Grupo Operativo `Rede galega de granxas modelo´ pretende achegar unha solución práctica a este problema e contribuír á profesionalización dos produtores. Os estudos de custos de produción tamén axudarán a mellorar a eficiencia da produción e, polo tanto, a súa rendibilidade económica e creación de riqueza no rural galego.

A disposición do sector

En paralelo, os datos analizados permitirán ampliar as funcionalidades da aplicación Conta Carne, a plataforma de cálculo de custos das explotacións de vacún de carne da Xunta. Así mesmo, tamén se contribuirá ao cumprimento das medidas previstas na Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico de Galicia.

Unha vez rematados os traballos do Grupo Operativo, a información resultante poñerase a disposición do vacún de carne e da administración autonómica. A idea é que esta rede inicial sirva de xerme para estendela a outros sectores gandeiros como o vacún de leite, ovino-caprino e porcino.

Financiamento

Este Grupo Operativo foi un dos proxectos dos seleccionados para ser financiados na pasada convocatoria 2023 das Axudas para a execución de proxectos innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027. O orzamento total é de 139.900,70€ estando apoiado ao 80 % pola Unión Europea e o 20 % restante, pola Consellería do Medio Rural. O período de execución é de 25 meses, entre setembro de 2024 e setembro de 2026.

Os grupos operativos están constituídos por un conxunto de axentes con distintos perfís vinculados ao medio rural que se unen para desenvolver e executar un proxecto innovador dirixido a atopar unha solución a un problema compartido ou para probar e poñer en práctica unha idea innovadora relacionada con algún sector en concreto do medio rural.