Segovia acolle o Mercado de Experiencias de Calidade de Galicia, con varias propostas gastronómicas da IXP

Ternera Gallega participou esta fin de semana no Mercado Experiencias de Calidade de Galicia, organizado pola Agacal dentro do XV Outono Enolóxico de Segovia. A Praza Maior da cidade foi o escenario de varias catas e demostracións culinarias dos produtos galegos con IXP e DOP co obxectivo de promover a súa excelencia e variedade. A carne certificada protagonizou un showcooking e formou parte de diferentes degustacións, coa versatilidade do produto como fío condutor.

O chef do Restaurante España (Lugo), Héctor López, dirixiu unha ampla demostración gastronómica con pezas moi diferentes e preparacións para todos os gustos. Para o seu mítico steak tartar escolleu a croca, mentres que o redondo foi o corte axeitado para cociñar en rosbif e presentar como un vitello tonnato. Para a grella, López optou pola tapa da pa e o filete de vacío. E rematou cunha costela asada, acompañada de IXP Castaña de Galicia e crocante de IXP Grelos de Galicia. 

Máis degustacións

A carne certificada tamén se promocionou da man de restaurantes emblemáticos de Segovia. Hector López participou nun menú degustación a catro mans co cociñeiro Rodrigo Aranguren, do Restaurante Villena. Neste caso, a faldra de Ternera Gallega foi a peza de referencia. 

Ademais, a IXP compartiu espazo cos mellores viños galegos nunha cata de varios produtos con selo de calidade, na que André Arzúa, chef do Espazo Abella (Santiago), ofreceu caldo galego con agulla de Ternera Gallega. 

O XV Outono Ecolóxico de Segovia, no que se enmarcaron estas actividades de promoción, celébrase durante todo o mes de novembro e prevé congregar a máis de 2.300 asistentes.