Ternera Gallega Suprema preséntase en Madrid ante os medios culinarios e do sector turístico
A Indicación Xeográfica Protexida formou parte de ‘Navidad Saludable’, un showcooking dirixido aos medios de comunicación gastronómicos, sobre turismo e de carácter xeralista, no que se propuxeron pratos gourmet e saudables de cara as comidas e ceas do Nadal. O menú compúxose de alimentos con orixe española, que conxugan a tradición, a calidade e o equilibrio nutricional, co obxectivo de promover a boa materia prima que se produce en todo o país.
A carne de Ternera Galllega Suprema presentouse nunha dobre proposta, que permitiu recalcar a súa versatilidade, baixo a man da cociñeira do Hotel Boutique Villa de la Reina, Mercedes Toledo. Por un lado, suxeriu un tataki de croca con tomate seco, alfábega e DOP Queixo de Acehúche, como idea para un entrante ou un primeiro prato fresco e sinxelo pero orixinal. E, por outro lado, a chef preparou un segundo prato máis contundente e tradicional, con moito sabor: un xarrete guisado.
Aaspectos nutricionais
Ademais da calidade premium dos alimentos que conformaron este showcooking, o evento, centrado en receitas saudables, deu a oportunidade de divulgar entre os medios de comunicación as cualidades nutricionais da carne certificada, incidindo en que se trata dun produto completo para una dieta equilibrada, que achega un elevado contido proteico. O director de Promoción da IXP, Luis Vázquez, resaltou que as proteínas cárnicas son de moi alta dixestibilidade e gran valor biolóxico, xa que aportan aminoácidos esenciais, necesarios para funcións como o crecemento e a reparación dos tecidos do noso organismo. A carne de vacún tamén é rica en vitaminas do grupo B e ten un alto contido de ferro e fósforo.
Por outra banda, Vázquez describiu como traballan as ganderías que producen Ternera Gallega Suprema e como crían os seus animais, poñendo en valor que se alimentan do leite materno, como mínimo, ata os 7 meses. Tamén destacou a relevancia destas producións para manter vivo o medio rural, apostando pola súa rendibilidade socioeconómica e medioambiental.