TERNERA GALLEGA LOA A TRAXECTORIA DO SEU PRESIDENTE FUNDADOR, MAXIMINO VIAÑO GARCÍA
O Consello Regulador das IXPs Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego lamenta o falecemento do presidente fundador de Ternera Gallega, Maximino Viaño García, nativo de Tapia (Ames), figura esencial do noso agro desde os anos sesenta e impulsor de destacadas iniciativas en prol do progreso do medio rural. Histórico do cooperativismo galego, ademais de promotor da IXP, tamén foi un dos socios fundadores de Terga (asociación pioneira de produtores e comerciais de vacún), da Cooperativa San Cristobal de Tapia e de Feiraco; e, polo tanto, actor clave dos principais avances do sector gandeiro da comunidade, tanto no eido leiteiro como no cárnico. E así se lle recoñeceu como Comendador da Orde ao Mérito Agrícola e Medalla de Bronce de Galicia.
“Home de aldea e fillo de labradores”, como a el lle gustaba definirse, Maximino Viaño soubo ver o potencial do campo galego e mesmo logrou revalorizalo. Ante a situación do sector cárnico na década dos oitenta, coa entrada de carnes doutros países e cunha saída irregular dos animais ao mercado, Viaño apostou por este eido produtivo e púxolle nome ao bo facer histórico dos gandeiros de vacún de Galicia, creando no 1989 Ternera Gallega.
Unha “aventura moi agradecida”, segundo contaba o propio Maximino, quen, con traballo e compromiso, percorreu a comunidade buscando apoios e conectando cos produtores para conseguir adherilos á marca; sempre coa premisa de dar saída á venda dos becerros durante todo o ano para facer máis sostibles as explotacións familiares daquela época. Un labor que estendeu ás industrias e á distribución co obxectivo de que respaldasen tamén a denominación.
Liderando Ternera Gallega
Baixo a súa presidencia ata o ano 2000, Ternera Gallega alcanzou grandes logros e expandiuse no mercado, sendo recoñecida pola Unión Europea como Indicación Xeográfica Protexida no 1996. Viaño tamén liderou o traballo de promoción e divulgación do selo nos seus primeiros anos, gañando a confianza dos consumidores con diversas campañas autonómicas e nacionais, como o mítico slogan “Ternera Gallega, la carne con carné”.
Desde os inicios da denominación, o desenvolvemento do sistema de control e de rastrexabilidade dos animais e da carne certificada foi fundamental para colocar a IXP como referente a nivel nacional e europeo. Cuestión clave, ademais, para que Ternera Gallega saíse reforzada ante a crise da EEB (encefalopatía esponxiforme bovina), como marca de control e de calidade en todos os niveis da cadea comercial.
Sempre á vangarda
Afable e conciliador, Maximino Viaño foi un adiantado ao seu tempo, cunha visión extraordinaria das posibilidades do rural galego, que ademais soubo concretar e materializar en proxectos reais e de futuro. Sen el non se entendería hoxe o sector gandeiro de Galicia.
Como cronista oficial do concello de Ames, tamén plasmou as súas vivencias e recordos da aldea e do “seu verde val da Mahía” en varios libros: ‘Lembranzas: Unha vida no campo galego’, ‘Os muíños de Riamontes. Contos da miña aldea’ e ‘Visto desde a aldea, aquela xentiña eramos así’, publicado aínda no 2019, cando Viaño xa contaba con 92 anos.
De gran intelixencia e curiosidade, mantívose activo, mesmo a través de Facebook, ata os últimos tempos. E nunca perdeu de vista a situación do sector cárnico nin os seus retos para os vindeiros anos, coma así reflectiu o pasado mes de xullo durante a súa intervención no acto de inauguración da nova sede do Consello Regulador e nesta entrevista recollida na revista corporativa de Ternera Gallega.
Maximino foi un home admirado pola súa capacidade emprendedora, valentía, compromiso e agarimo cara o noso medio rural, que lle debe importantes progresos para afianzar a súa viabilidade económica e social.
O Consello Regulador traslada o seu cariño e pesar á familia, amizades e a todas aquelas persoas que tiveron a sorte de compartir vivencias con el. Gracias polo teu gran traballo a favor do vacún de carne de calidade; procuraremos continuar e engrandecer o teu legado.
Consello Regulador das IXPs Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego.