O CIFP Politécnico de Lugo acolleu un seminario sobre as IXP

Corenta alumnos e alumnas do CIFP Politécnico de Lugo, dos ciclos de ‘Procesos e calidade alimentaria’ e de ‘Elaboración de produtos alimentarios’, asistiron este venres a un seminario sobre Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego. Unha ampla sesión formativa, que impartiu o director de Promoción, Luis Vázquez, e que abordou os aspectos produtivos, industriais, tecnolóxicos, comerciais e culinarios da carne amparada polas IXP.

As cuestións que determinan a calidade dun alimento, como as súas características organolépticas, os procesos tralo sacrificio do animal ou a maduración da carne, foron algúns dos temas explicados por Vázquez, que tamén afondou no sistema de control e rastrexabilidade do vacún de calidade galego e nas súas diferentes categorías comerciais. 

Ademais, falou das técnicas de manipulado e o seu procesamento, das tendencias na presentación da carne e das diferentes pezas do vacún. Aspectos que os estudantes puideron comprobar en persoa, traballando directamente coa carne en fresco, que cortaron e prepararon para coñecer as técnicas culinarias máis axeitadas para cada corte, desde os métodos de cociña tradicionais aos máis innovadores.

Previamente, o director de Promoción das IXP repasou a historia, a tradición e a cultura detrás de Ternera Gallega e de Vaca Galega-Boi Galego, tratando as súas normativas e explicando cuestións sobre as razas admitidas, a alimentación e o manexo dos animais.