Ternera Gallega apoiou de novo a Gran Bikedada, que trouxo novidades nesta edición

Máis de 650 persoas participaron este domingo na xa tradicional Gran Bikedada, que percorre as rúas de Vigo cada ano, nun trazado de ida e volta ata o Encoro das Eiras (Fornelos de Montes) pasando polos concellos de Redondela, Mos, Soutomaior e Pazos de Borbén. E seguindo tamén a tradición, Ternera Gallega deu o seu apoio a esta proba ciclista cunha degustación de carne certificada ao final da carreira. Unha acción que se encadra no obxectivo da IXP de divulgar a práctica do deporte xunto a unha alimentación variada e equilibrada. 

Na súa undécima edición, a Gran Bikedada dificultouse coa choiva e o frñio, pero tamén prometeu máis intensidade emocional e en retos deportivos. Ofreceu tres distancias: medio fondo (42 km), fondo (72 km) e gran fondo (100 km). E como principal novidade, incluíu a subida a Monte Espiño (Moreira – Soutomaior); unha cota inédita no final do primeiro dos tramos cronometrados parciais, con alternativa para os participantes que preferiron unha subida máis tranquila. 

Coma sempre, esta carreira conta cunha compoñente solidaria a través da organización Social Ciclismo Fan Manager, que dirixe parte dos beneficios ao proxecto Red Concordia en Guatemala, con iniciativas a favor do apoderamento das mulleres e da educación para nenas e nenos a través do ciclismo.