Tres demostracións culinarias da carne certificada en Gandagro
Ternera Gallega acudiu unha vez máis a Silleda, á Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, que celebrou esta fin de semana a súa quinta edición. Unha cita relevante para o sector primario, na que a IXP ofreceu tres showcookings, un cada día da feira, aos que asistiron arredor de 75 persoas.
Desde o stand da Consellería do Medio Rural e baixo as directrices do cociñeiro Marcos Arufe, do Espazo Remollo (Ames, A Coruña), estas sesións gastronómicas centráronse na carne de Ternera Gallega Suprema, a procedente de animais menores de dez meses e que se alimentan do leite materno como mínimo ata os sete.
Arufe presentou tres tipos de preparacións diferentes; empezando por un prato semicru, pasando pola prancha e rematando cun guiso. De primeiro, serviu un tataky elaborado coa croca, amosando ao público asistente o fácil que resulta facelo e o resultado tan orixinal que ofrece. Para a prancha, escolleu unha peza pouco coñecida pero moi versátil e cun gran sabor: a tapa da pa. Como explicou o chef, este corte, co tratamento adecuado, pode cociñarse tanto á grella como guisada.
E como prato final, optou por unha agulla, que guisou ao estilo mexicano ‘pibil’ e que presentou nunha tosta. A carne amparada acompañouse con outros alimentos con selo de calidade, como Pataca de Galicia, Pan de Cea e Pan Galego, ademais das Denominacións de Orixe dos viños Monterrei, Ribeiro e Ribeira Sacra. Xunto ao contido gastronómico, o Consello Regulador informou ao público asistente sobre as IXP Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego, o seu funcionamento e o tipo de carne que amparan.